Saturday 27 de April de 2024

Feijóo refírese ao futuro Centro de Promoción e Imaxe dos Produtos Agrícolas, Gandeiros e Forestais, no Pazo de Quián, como un espello da Galicia Rural, viva, próspera e verde “na que cremos”


― Subliña que as 100 hectáreas que envolven o complexo conciliarán as visións dun territorio ordenado, coidado e fértil en produtos de calidade

― Precisa que neste 2021 destinarase unha achega de 4 millóns de euros para poñer en marcha este proxecto, cuxa execución será progresiva

― Ademais da reforma do centro de formación e da residencia, que se executarán nunha primeira fase, as instalacións concentrarán tamén o centro temático e de promoción gastronómica e o espazo para a organización de mostras e eventos

― No eido da agricultura salienta a diferenciación de tres zonas: unha zona para cultivos de horta, cereais e viñedos; un parque forestal; e unha zona de pastos

― A iniciativa contempla ademais unha granxa vacún con todas as razas autóctonas, así como instalacións para cabalos de pura raza, exemplares de porco celta, cabras, ovellas e galiñas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao futuro Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais, no Pazo de Quián, en Sergude, como un espello da Galicia rural, viva, próspera e verde “na que cremos”. “Un escaparate do que podemos facer a partir do que temos, conservando o que somos”, abundou.

Durante a presentación do proxecto Buxo, gañador do concurso de ideas de Quián e elaborado por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena Arousa Portela e César Portela, Feijóo subliñou que as 100 hectáreas que envolven o complexo conciliarán, deste xeito, as visións dun territorio ordenado, coidado e fértil en produtos de calidade.

“En definitiva, estamos a falar dun modelo a escala da Galicia rural na que cremos: ordenada, con produtos agroalimentarios de calidade e cun plantexamento forestal a curto e longo prazo”, dixo, recordando que, con este fin, aprobouse o Plan forestal de Galicia 21-40, que reducirá un 5% a pegada do eucalipto en 20 anos e ocupará con frondosas autóctonas un total de 425.000 hectáreas; así como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que neste 2021 destinarase unha achega de 4 millóns de euros para poñer en marcha este centro, cuxa execución será progresiva. Así, as actuacións iniciais centraranse na reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude -con capacidade para máis de 130 estudantes de ciclos formativos ligados ao rural-, e a residencia de estudantes, onde se atopan medio cento.

Ademais intervirase na conservación e renovación do Pazo de Quián, como espazo lúdico e de carácter representativo, coa recuperación de peches e xardíns e a mellora da urbanización.
“E, en fases posteriores, erguerase un edificio sobre a Cruz do Naveiro, que se denominará O Castro e que será un escaparate dos produtos agroalimentarios e forestais”, engadiu, recordando que estas instalacións concentrarán tamén o centro temático e de promoción gastronómica -ideado para que os cociñeiros galegos poidan traballar con produtos do país-, e o espazo para a organización de mostras e eventos.

O proxecto contempla ademais unha granxa vacún con todas as razas autóctonas existentes na Comunidade, dotada con queixería, e con silos, almacén, taller de maquinaria e acceso directo aos pastos; así como instalacións para cabalos de pura raza, exemplares de porco celta, cabras, ovellas e galiñas.

No eido da agricultura, Feijóo destacou a diferenciación de tres zonas: unha zona para cultivos de horta, cereais e viñedos que enxalcen as producións agroalimentarias con selo de calidade; un parque forestal, destinado a resaltar a multifuncionalidade e a diversidade dos nosos montes; e doutra zona de pastos.
E, en materia enerxética, o complexo aspirará a acadar un balance cero enerxético, coa implantación de enerxías renovables.

Así mesmo, e baixo este compromiso, o titular do Goberno galego salientou que a Xunta destinará, tamén, unha achega de 2 millóns de euros para o Centro de investigación agrarias de Mabegondo, co fin de potenciar o banco de xermoplasma e a creación dunha explotación-modelo de vacún de leite.

Feijóo concluíu reiterando a aposta da Administración autonómica polo rural, recordando a posta en marcha da Estratexia do lácteo, centrada na transformación, e da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia; e a próxima elaboración dunha Estratexia da carne.